Carballo viaxa ao Medievo
O Mercado Medieval de Carballo dobra o número de postos nesta segunda edición, dado o éxito da anterior.
Serán ao redor de 70 postos os que este ano farán do barrio da Milagrosa de Carballo un escenario medieval. O Mercado Medieval de Carballo, que terá lugar do 15 ao 17 de maio, medra nesta segunda edición, e faino duplicando tanto a oferta de produtos como cunha aposta firme polas actividades de lecer paralelas.
Habera exhibición de cetrería, a arte de cazar con aves rapaces, á unha e ás sete da tarde; espectáculos de maxia (as 12.00, as 14.00, ás 17.30, á s19.20 e ás 21.00) e moito máis. Entre as propostas para esta feira medieval, obradoiros de artesania, ludoteca, carrusel de burros e diversas atraccións infantís, como barco e tiovivo medieval. E, como non, non podía faltar o polbo á feira.
Nos postos das e dos mercaderes medievais poderemos atopar dende produtos de alimentación (comida e tetería árabe, crepperia, embutidos, bolos preñaos, comidas de taberna, queixos do país ou franceses, xamón...) até pratería, xoguetes de madeira, xabróns artesáns, flores, bolsos, carteiras, cristal de murano ou pedra semipreciosas.
O Mercado Medieval, que está organizado pola Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do barrio da Milagrosa, estará aberta dende o venres, ás catro da tarde, até a última hora do domingo.