Carballo a un paso

Compartir:

O Outono en Marcha ofrece un cento de quilómetros de rutas pola comarca

O proxecto de andainas de Senda Nova cumpre 10 anos dando a coñecer a paisaxe, a natureza, a historia e o patrimonio de Bergantiños

X Outono en Marcha

30 de setembro de 2021 - O Outono en marcha, o programa de andainas por Bergantiños organizado por Senda Nova coa colaboración do Concello de Carballo, cumpre dez anos de paisaxes polas corredoiras da comarca. Son dez anos de colaboración para achegar á poboación os vestixios históricos máis importantes de Bergantiños e a paisaxe de outono máis espectacular. Os obxectivos marcados dende un principio mantéñense nestas dez edicións que levan percorrido case un millar de quilómetros de corredoiras. Un deles é a posta en valor dunhas rutas deseñadas para coñecer polo patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico, traballando no coñecemento da contorna. Outro dos obxectivos é a recuperación dos antigos viais que adoitaban unir as nosas aldeas. Máis se cabe nun tempo de encrucillada onde se está a arrasar camiños tradicionais derribando muros, cementando, botando zahorra e cortando as especies que enmarcan estas antigas corredoiras, que, agora máis ca nunca, é necesario protexer.

Seis son as rutas e un cento os quilómetros que percorrerá este X Outono en Marcha pola comarca de Bergantiños, que engadido ás paradas para a interpretación, tentarán descifrar os segredos mellor gardados do noso rural a través da achega dos guías titulados da entidade. Será entre entre o 10 de outubro e o 28 de novembro: Razo-Baldaio para protexer, Terras do Marqués, Vía Alcaianus, Senda das Capelas, Pegadas do Volframio e a Ruta das Férvedas, pasando polos municipios de Carballo, A Laracha, Coristanco e Malpica de Bergantiños. As inscricións poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro tanto na base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; e tamén no Espazo da Natureza de Oza os mércores, xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. Se alguén de fóra da comarca quere inscribirse, pode contactar directamente coa organización. +info na web de Senda Nova www.sendanova.org, no Facebook ou no enderezo electrónico de Senda Nova <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 611 037 617. O prezo para participar é de 7€ para adultos/as e de 5€ para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 5€ e 3€, os menores.

RUTA A RUTA

Senda das Capelas

Senda das Capelas

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela), as súas características son as seguintes: 

  • Razo-Baldaio para protexer: 10 de outubroA ecoloxía e paisaxe que osixena Carballo. Achegamento á espectacular paisaxe marítima do concello de Carballo, a cal se contempla case integramente. Xeoloxía, cultura e biodiversidade nun espazo natural que alberga un dos sistemas dunares mellor conservados de Galicia. Unha zona húmida que acolle interesantes especies de avifauna e como non, un dos areais máis extensos cun berce de luxo para a píllara das dunas, especie autóctona e protexida. Dificultade: media-baixa. Distancia: 14 quilómetros.
  • Terras do Marqués: 24 de outubroA vida de pracer nos pazos señoriais. Case no centro xeográfico do concello máis extenso de Bergantiños atópanse estas dúas fértiles parroquias carballesas. Ardaña e Artes conviven a través do alto da Peniqueira, un balcón natural cheo de encantos e de historia que alberga presenza megalítica e un dos maiores castros da bisbarra. Estas dúas áreas de sementeira foron o lugar ideal para establecer construcións fidalgas. Os pazos de Gontade, das Pallas e, o de máis sona, Vilar de Francos, son paradas estratéxicas dunha senda que cautiva. Dificultade: media-baixa. Distancia: 14 quilómetros.
  • Vía Alcaianus: 7 de novembroAs pegadas romanas que salpican Coristanco. A lagoa de Alcaián é un dos máis importantes humidais de Bergantiños e tamén o inicio dunha vía que pretende seguir os pasos dos camiños antigos, posiblemente de orixe romana. A ponte Lubiáns é un dos puntos estratéxicos dunha senda con continuo desnivel negativo que atravesa castros, pazos e fermosas corredoiras antigas enmarcadas con especies autóctonas. Camiños cheos de historia que entran na capital bergantiñá dende o berce da mesma vila. Dificultade: baixa. Distancia: 19 quilómetros.
  • Senda das Capelas: 14 de novembroOs segredos dos zapateiros escondidos nas capelas de Montemaior. Polo interior do concello da Laracha alóngase unha das parroquias máis grandes da comarca, a de Montemaior: a única pola que camiña unha ruta salpicada de capelas. Algunha destas construcións enmárcanse en fermosos paraxes de silencio e en varias delas afloran lendas e tradicións nas que aínda latexan cultos precristiáns. Como nexo do percorrido, o curtidoiro de Cumiáns. Un agradable espazo de 1852 acompañado de cabazo, casa e muíño en funcionamento. Un lugar detido no tempo e en plena consonancia con esta terra de zapateiros. Dificultade: media. Distancia: 16 quilómetros.
  • Pegadas do Volframio: 21 de novembroHistorias de meigas e volframio dende o balcón de Monte Neme. Este percorrido ten un cheiro especial a historia a través do negro mineral tan prezado na II Guerra Mundial. Monte Neme é o balcón xefe de todo un itinerario para sacar proveito deste “Petón das meigas”. Un polo de atracción ancestral como mostran as numerosas lendas e vestixios a carón deste punto estratéxico da xeografía da comarca. As casas das minas, o castro do Rodo e sobre todo, a paisaxe explosiva dende o bico do monte conforman unha das rutas máis fascinantes. Dificultade: media. Distancia: 17 quilómetros.
  • Ruta das Férvedas: 28 de novembroA auga que fuxe á Valgada Malpica-Tui. A Depresión meridiana é o compás que guía o percorrido dende Carballo ata a férveda de San Paio. Corredoiras cheas de encanto para unir saltos de auga formados pola citada valgada que percorre Galicia de norte a sur. Construcións relixiosas como as igrexas de Ardaña ou Entrecruces dividen un sinxelo itinerario a cabalo entre a montaña e os fértiles vales destas dúas parroquias e tamén da de Rus. O templo desta tamén nos acolle, e pasa por ser dos máis importantes da bisbarra, sorprendendo pola súa beleza e unha envexable grandiosidade multiplicada polo estratéxico do emprazamento. Dificultade: media. Distancia: 15 quilómetros.

Todas as rutas teñen prazas limitadas e as actividades poden sufrir modificacións das que se dará cumprida conta. Os percorridos realizaranse seguindo as medidas de proteción vixentes en materia de prevención contra a COVID-19 e a máscara será obrigatoria.


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica