As follas do outono caen en forma de notas musicais en Carballo
O programa Novembro con Música propón concertos para todo o mes, así como interesantes exposicións e actos contra a violencia machista
As follas do outono baixan convertidas en notas musicais no mes de novembro en Carballo. Aproveitando que a festividade de Santa Cecilia, patroa dos músicos, cadra en 22 de novembro, o concello celebra o mes da música. As agrupacións locais acaparan este ano todo o protagonismo do programa a través de actividades como o concerto pop-rock Live in Cances, o encontro de corais de Santa Cecilia ou a tradicional actuación da Banda Municipal de Música prevista para o 29.
Pero, sobre todo, a cita que cada ano ten máis e máis público é o concerto de música tradicional Sons de Aquí, que o sábado 16 de novembro reune ás agrupacións Xoldreira de Nemeth, San Campio de Cances, Escola do Alprende de Oza, O Candil de Sísamo, Argazo de Baldaio, Arume de Verdillo, Banda Municipal de Gaitas e Coro Aires de Bergantiños. Pero, ademais de todas as actuacións do programa, as actividades paralelas tamén teñen importancia. Así as parroquias reciben a visita do ciclo Teatro en Ruta, que leva á compañía Vagalume Animación por seis centros sociais. E, ademais, o venres 22 o Pazo da Cultura acolle á agrupación Butaca Zero coa montaxe “Despois das ondas”, unha viaxe pola vida de María Casares.
Tres interesantes exposicións
A muller e a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia Machista, o 25N, tamén están presentes na programación cultural a través de iniciativas coma a exposición “Xeitos de ver. Construíndo masculinidades positivas”, que poderá verse no andar 0 do Pazo da Cultura a partir do día 20 e que se complementará coa programación da Concellaría de Igualdade. Ademais, teremos outras dúas mostras absolutamente recomendables: a partir do día 11, a das obras seleccionadas no XIII Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, no andar -1; e a partir do día 28, a interesantísima “Unha mirada de antano”, coas fotografías realizadas por Ruth Matilda Anderson en Galicia. Unha muller estadounidense que realizou varias series de fotografías da realidade galega nos anos 20.
Coma sempre, convidámosvos a gozar con todas as citas do programa. Seguro que atopas algunha que che axeita. Vive o mes da música!