Mikel Erentxun presenta novo disco en Carballo
O artista donostiarra lembrará tamén os temas de Duncan Dhu nun concerto gratuíto nas Festas de San Xoán: o luns 24 de xuño ás 23.00 h.
Mikel Erentxun | Foto: Luis Michelena
Con 25 discos ás súas costas e 34 anos percorrendo con éxito os escenarios de todo o mundo, Mikel Erentxun continúa compoñendo cancións de amor e desamor coa mesma paixón, ilusión e perseveranza dos inicios pero cunha alta dose de extraordinaria madurez, que o empuxa a “reinventarse” día a día e a continuar explorando novos camiños, como o que o traerá ao San Xoán de Carballo o 24 de xuño a partir das 23.00 horas para protagonizar unha das actuacións máis meigas e feiticeiras das nosas festas. Presentará o seu novo traballo El último vuelo del hombre bala (Warner, 2019), no que o artista mestura os seus sinais de identidade con novos sons sorprendentes para construír unha proposta sólida e fresca.
Con 54 anos, quen fora vocalista de Duncan Dhu (banda mítica dos 80) durante dúas décadas, confesa estar obsesionado polo paso do tempo, un tema que trata de levar con humor e que atravesa a súa vida e a súa obra de maneira recorrente, especialmente desde o susto de corazón que sufriu hai seis anos e que lle fixo apreciar máis a vida e propoñerse converter en realidade soños pendentes como viaxar a Tokio, durmir nun iglú en Laponia ou cruzar Estados Unidos en coche.
Duncan Dhu
Pero falar de Mikel Erentxun é falar de Duncan Dhu, a banda de pop acústico e poso rockabilly xurdida a mediados da década dos 80 que, nun tempo récord, se convertería nun dos maiores referentes do pop español dando lugar a auténticos himnos da nosa música como Cien Gaviotas, Esos Ojos Negros, En Algún Lugar ou Una Calle de París. Con Diego Vasallo e Juan Ramón Viles acada unha proxección internacional con Duncan Dhu que queda marcada cunha nominación aos Grammy e a aportación dun tema á película Dick Tracy. No ano 1991, chega ao mercado Supernova, o disco máis singular e arriscado da banda con melodías máis electrónicas e un marcado aire de soul e música negra.
Na traxectoria persoal do artista vasco están grandes éxitos como A un minuto de ti, ou Jugando con el tiempo
O ano 1992 marca o inicio da carreira en solitario de Mikel Erentxun, compaxinándoa como líder Duncan Dhu ata o 2001. O lanzamento do seu primeiro disco Naufragios é todo un éxito con máis de 260.000 copias vendidas e temas tan coñecidos como A un minuto de ti o Jugando con el tiempo ao que seguirá unha discografía que vai xa polo decimoquinto álbum, repleta de grandes éxitos e prestixiosos colaboradores internacionais como os músicos Mark Gardener, Robert Quine ou Pete Thomas, entre outros, e nacionais como Dani Martín ou Amaral.
Hoxe en día, a música deste cantante vasco, arquitecto de profesión, parece non envellecer. Proba dilo é o seu traballo máis recente, producido por Paco Loco, co que pecha unha triloxía iniciada con Corazones (2015) e El hombre sin sombra (2017), composicións propias ao cen por cen e autobiográficas, marcadas pola cronofobia (medo ao paso do tempo), o amor, o desamor e a crítica social coas que está a percorrer todo o país e que teremos a oportunidade de escoitar tamén en directo na Praza do Concello.
Achegádevos a Carballo a vivir o San Xoán e a vibrar co concerto de Mikel Erentxun. Lembrade, é o luns 24 de xuño ás 23.00 h. De balde!