O universo de Amancio Prada achega París a Carballo
O cantautor de Ponferrada volve a visitar a vila para ofrecer un recital o venres 3 de agosto na Praza do Concello: a partir das 22.30 horas
Amancio Prada en concerto
O cantautor ponferradino Amancio Prada regresa a Carballo para celebrar co seu publico máis fiel un recital de cancións e composicións que representan o universo tan característico do estilo pradiano. Unha oportunidade única para escoitar cancións de profundas raíces populares e con pura sensibilidade, de cantores e poetas como Brassens, Léo Ferré e Moustaki, sen olvidarnos dos temas propios ou baseados en textos de grandes poetas e poetisas como Rosalía de Castro, Federico García Lorca ou Eduardo Pondal, entre outros. Un momento marabilloso para coñecer ao artista, para quen non o gozara todavía; ou para redescubrilo unha vez máis.
A cita, de entrada libre, ofrece cancións de profundas raíces populares e con pura sensibilidade
A relación de Amancio Prada con Carballo remóntase a hai máis de 40 anos. En 1976 acudiu convidado polo director do Instituto Alfredo Brañas, “un paisano mío del Bierzo”, lembra o propio Prada, chamado José Antonio Iglesias. Entre o público atopábase o que máis adiante sería animador cultural de Carballo Xosé Manuel Eirís, que daquela tiña 16 anos e que quedou marcado por aquela actuación. De feito, na súa etapa como responsable de Cultura do Concello, convidou a cantar ao ponferradino en varias ocasións e iniciouse unha relación de amizade. E así, aínda despois da desaparición prematura do seu amigo, o cantante leonés continúa mantendo o vínculo e o afecto á nosa vila.
Meus poetas en París
A última vez que Amancio Prada nos visitou, hai agora catro anos, utilizaba as redes sociais para transmitir as súas gañas de volver a cantar en Carballo e de reencontrarse cun público “siempre acogedor y entusiasta”, ademais de lembrar unha vez máis ao seu “amigo muy querido” Xosé Manuel Eirís. Nesta ocasión presenta Meus poetas en París. O concerto terá lugar o venres 3 de agosto ás 22.30 horas na Praza do Concello grazas á colaboración entre a Concellaría de Cultura e a Fundación Luis Calvo Sanz.
E antes de volver a Carballo nesta ocasión, Amancio Prada aproveitou de novo as súas redes sociais para publicitar o seu concerto coa musicalización dun poema de Celso Emilio Ferreiro titulado Consellos, e que agocha unha gran verdade: "A riqueza non é nada, que o vento a trae e o vento a leva...". Vinde a Carballo a velo e de balde, merece a pena!
Consellos
Poema: Celso Emilio Ferreiro
Música: Amancio Prada