10 anos de Autocross Carballo!
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 30 de xuño e o 1 de xullo a quinta proba puntuable do Campionato de España con máis de cen pilotos inscritos
Adestramentos do 10 Autocross Carballo que tiveron lugar no Circuíto a pasada finde / Foto: Escudería La Coruña
Carballo cumpre 10 anos organizando probas do Campionato de España de Autocross. O sábado 30 de xuño e o domingo 1 de xullo o Circuíto Municipal de Bértoa volverá encherse de cheiro a gasolina, de estrondo de motores e de 114 pilotos e as súas escudarías que veñen a Carballo para batir o récord de participación na proba, quinta puntuable para o Campionato español. Desta volta o percorrido ten experimentado algunhas modificacións para engadirlle aínda máis emoción ás carreiras. Así, ampliouse o trazado de varias curvas para facelas máis rápidas, a dirección de carreira estará situada nun espazo con maior visibilidade e haberá un sistema diferente de rego para non interromper as mangas. Todo para tentar redundar no beneficio da carreira.
Os coches comezan a rodar o sábado a partir das 14.00 horas e non pararán até o domingo pasado o mediodía
Os vehículos comezarán a rodar o sábado, coas clasificacións oficiais a partir das 14.00 horas; o domingo serán as mangas finais entre as 11.00 e as 12.30 horas. As categorías que poderán verse na proba son Car Cross, con 55 inscritos incluíndo ao líder, Iván Piña, ou ao carballés Maikel Vilariño e aos pilotos da escudaría carballesa Máis Motor; División I, con 9 pilotos e os tres que lideran o campionato, Perfecto Calviño, Víctor Álvarez Morante e Tomás Aranda: División II con 16 participantes, tamén cos tres primeiros clasificados, Cristian Escribano, Julio Sotelo e o larachés Gabriel Serrano; na División III hai 8 pilotos sendo o líder Luis A. Muñoz; en Off Road Series hai 15 inscritos (máis un reserva) cos tres primeiros Iván Pérez, José Antonio Casado e José Iván Cordero; e finalmente en Júnior Car Cross hai 10 anotados.
Presenza internacional
Este ano ademais, o Autocross Carballo conta co aliciente de ter entre os inscritos a un piloto internacional, o chileno Eduardo Urmeneta, de 44 anos. Na súa primeira participación no Circuíto de Bértoa, espera gozar coa experiencia e aprender. Asegura que en Chile non ten moitas oportunidades de participar en carreiras de Car Cross, e en España espera medrar como piloto. A presentación do Autocross Carballo tivo lugar no propio circuíto con presenza de representantes da Real Federación Española de Automobilismo, da Secretaría para o Deporte da Xunta, da Escudaría La Coruña, coorganizadora da cita, e de representantes do Concello de Carballo. Algúns deles mesmo pisaron a terra do trazado para comprobar de primeira man o percorrido e vivir a descarga de adrenalina que senten os pilotos.
O público poderá vivir esa mesma adrenalina durante a fin de semana achegándose a Carballo. Vide para vivir de preto o deporte do motor! Se formas parte dos afeccionados e afeccionadas a esta disciplina, pasaralo marabillosamente... E se aínda non o es, é unha excelente proba para comezar. Vémonos en Carballo!