Real Sociedad, Sporting, Oviedo ou AFA Angola: no Torneo Alevín de Fútbol-7 Concello de Carballo
O sábado 9 e o domingo 10 de xuño o campo das Eiroas acolle os partidos nos que compiten os mellores equipos do momento en categorías de base
Imaxe desta tempada do equipo de alevíns das Escolas Luís Calvo Sanz / Foto: Escolas Luís Calvo
A Real Sociedad, o Sporting de Gijón, o Real Oviedo, o Deportivo da Coruña, o Real Club Celta e o AFA Angola son os principais nomes do Torneo Internacional Alevín de Fútbol-7 Concello de Carballo que ten lugar o sábado 9 e o domingo 10 de xuño no Campo Municipal de As Eiroas. Trátase da edición número 14 desta cita que chega cada ano durante as Festas de San Xoán e na que tamén temos importantes equipos locais, como unha selección da Costa da Morte, o CD Calasanz e os anfitrións, as Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz. A organización do torneo -unha cita que cada ano consegue que a capital municipal estea invadida polos cativos e as súas familias, ademais dos corpos técnicos- subliña que o criterio para escoller os equipos é, fundamentalmente, a súa longa tradición no fútbol de base.
O Angola volve a Carballo como vencedor de 2017, pero terá que pelexar a victoria con equipos coma o Sporting, dobre campión
Este ano, ademais, haberá un aliciente máis para o público, como é a presenza no cadro de dous derbis galaico-asturianos. Tamén hai que subliñar que o AFA Angola, que foi o campión da edición 2017 e novidade como primeiro equipo africano no torneo, quixo repetir un ano máis; e hai que mencionar que o Sporting tamén sabe o que é gañar nas Eiroas xa que conta con dous títulos no seu palmarés. O Calasanz, pola súa banda, chegou despois de vencer no torneo previo de clasificación ao Pabellón de Ourense. Así mesmo, a selección de xogadores da Costa da Morte é unha forma de que a organización agradeza o apoio da comarca ao fútbol de base, nomeadamente despois de que a Federación Galega de Fútbol inaugurase unha delegación permanente en Baio. Como é habitual, o torneo desenvólvese nunha liga de todos contra todos, outro atractivo máis para o espectador e para que os rapaces disputen moitos partidos, desfruten e aprendan.
Moito máis que un torneo de fútbol
Pero máis aló dos nomes dos equipos participantes e do cadro, se por algo destaca o Torneo Alevín de Fútbol-7 de Carballo é pola súa capacidade para atraer aos afeccionados e afeccionadas de todos os equipos, cun campo que adoita estar cheo e que une a promoción do deporte, co pulo para o turismo na zona e unha axuda para o sector hostaleiro. Os asistentes aproveitan para visitar os principais puntos de interese da comarca, para gozar coa gastronomía e para pasar uns días cos xogadores e con toda a familia.
Nesta edición a maioría dos equipos proceden do Norte de España, unha zona xeográfica próxima para que ninguén se quede sen achegarse a Carballo para ver ao seu equipo. A maioría dos hoteis e locais de Carballo e a contorna colgan o cartel de completo e os visitantes sacan tempo para as visitas entre partido e partido. Hai que lembrar que a gran final terá lugar o domingo 10 de xuño pola mañá.
Moita sorte a todos os equipos e, sobre todo, ás Escolas de Fútbol Luís Calvo, que sempre fan un honroso papel a pesares de enfrontarse a canteiras de moita sona con equipos de Primeira e Segunda División. A gozar do fútbol en Carballo!