Máis de 16.500 tapas en Carballo por etapas
Arredor de 2.500 viaxeiros e viaxeiras subiron ao tren turístico que durante seis días acompañou á ruta gastronómica que cumpriu 6 anos de andaina
Un dos percorridos do tren de Carballo por etapas
Arredor de 16.500 tapas, 2.500 viaxeiros e viaxeiras no tren e máis de 2.000 agasallos. Son as cifras da sexta edición de Carballo por etapas, a ruta gastronómica que visita a capital municipal cada ano a finais do mes de maio. A pesar de que as condicións meteorolóxicas non acompañaron, o certo é que o tren turístico realizou todos os percorridos previstos e que os 18 locais participantes nesta viaxe gastronómica fan un ano máis un balance positivo da experiencia, que achegou todo tipo de delicias á veciñanza e aos visitantes que se animaron a participar.
Os rascas repartidos entre a clientela agocharon máis de 2.000 agasallos, incluíndo botellas de viño e máis tapas
O cheo nos locais e nas terrazas deixouse ver durante todos os días da ruta, especialmente o domingo que cadrou en feira, o 27 de maio; e hai que subliñar que numerosos bares e tascas esgotaron a primeira quenda de “rascas” dispoñibles para repartir entre a clientela e tiveron que pedir máis para poder agasallar mochilas, fundas de móbil, libretas, abridores, botellas de viño doadas por Bodegas Carballo, Distribuciones Cotelo, Disboa e Xinerxia Alimentaria, xogos de copas cedidos por Proquiber e as tapas gratuítas que achegaron os propios locais entre os comensais.
Variedade de tapas e de locais
Hai que subliñar tamén a variedade da oferta das tapas e das elaboracións para esta edición, con propostas como lasaña, sushi, caldeirada, salpicón, arroz, pastel, costela, solombo, canelóns, cuscús, hamburguesas, bacallau, tortillas ou mesmo chupachups salgados.
De todo, moi bo e moi saboroso púidose degustar nos dezaoito locais que participaron este ano: A Barra Bar, A Nova Ferradora, A Nova Tasca, Cafetería Bar Embajador, Cafetería Bar Ginebra, Cafetería Havanos 79, Cervecería Ágora, Cervecería La Bombonera, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Mio Fratello Gastrobar, Oasis Restaurante Vinoteca, Restaurante El Hórreo, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Taberna O Mexillón, Tasca A Cova e Trattoría Pizzería Vesuvio.
Deica o ano que vén, en que volveremos con máis tapas, máis tren, máis agasallos e máis novidades!