Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cadillacs, Seat 600, Pegasos, Volkswagen, Fords:...

Compartir:

Cadillacs, Seat 600, Pegasos, Volkswagen, Fords: vehículos de exposición na Classic Car Carballo

O 10 de xuño os veciños e visitantes que se acheguen á vila poderán ver de primeira man estas marabillas, a partir das 17.00 h. na Praza do Concello

Carballo acolle por cuarto ano consecutivo a Classic Car, unha cita cos automóbiles con historia que organiza a Asociación Cultural de Vehículos Clásicos Classic Car e que cada ano consigue reunir a decenas de vehículos polas estradas e rúas do Concello. Cadillacs, Seat 600, Pegasos, Volkswagen, Fords, Peugeots... de todas as marcas e de todas as idades, pero sempre listos para que os admiren os visitantes e a veciñanza que se achegue a velos durante a concentración. Este ano a cita é o 10 de xuño, e o momento máis axeitado para que o público admire os vehículos será de 17.00 a 21.00 horas, en que estarán expostos na Praza do Concello.

A cita estará animada pola tarde polo DJ Frank Fairlane, e tamén está previsto sorteo de agasallos entre os e as participantes na cita

Pero, quen queira participar levando o seu vehículo clásico aínda pode inscribirse até o 1 de xuño e poderá gozar de todo o percorrido e de numerosas actividades. Así, o domingo 10 de xuño a comitiva arrinca ás 10.30 horas polas rúas de Carballo en dirección ao Parque Empresarial de Bértoa, onde haberá parada e refrixerio nas instalacións de La Base Motorclub. Ás 12.15 comezará a ruta polos concellos de Carballo e A Laracha en dirección ao Pazo de Vilar de Francos, onde se celebrará o xantar ás 14.00 horas. Logo, os vehículos dirixiranse á Praza do Concello de Carballo, onde permanecerán expostos para deleite de todo o público que queira achegarse. Para amenizar a xornada está prevista, na mesma praza, a actuación do DJ Frank Fairlane, e ademais haberá sorteo de agasallos entre os participantes.

Fin solidario

Ademais, este ano a Classic Car volve a ter unha parte solidaria. Así, tanto os e as participantes como os e as espectadores que o desexen poderán achegar, voluntariamente, alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación infantil para a Cruz Vermella no posto que estará instalado pola tarde na Praza do Concello. Ademais, coa colaboración o Grupo Dimolk, e co gallo de celebrar o 70º aniversario do Peugeot 203, todos os inscritos e inscritas recibirán unha camiseta conmemorativa.

Para máis información e formalizar as inscricións están dispoñibles os teléfonos 647 607 037 e 679 174 276. O prezo é de 30€ para adultos e 12€ para nenos e o importe inclúe o xantar en Vilar de Francos. Non o deixedes para o último día!

Vídeo resumo da Classic Car 2017


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica