Compra no Mercado de Carballo e leva unha viaxe a Madeira!
Entre o 24 e o 31 deste mes de maio, os clientes dos postos da Praza de Abastos recibirán boletos para o sorteo por cada 5 euros de compra
A campaña está activa até o 31 de maio
Que vas ao Mercado Municipal a comprar leitugas, tomates, un chuletón ou uns chipiróns... Unha viaxe a Madeira! Que prefires un bo queixo, solombo de porco, patacas e unhas laranxas... Viaxe a Madeira! Porque estes días comprar no Mercado de Carballo ten premio. A Concellaría de Promoción Económica reforza a campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Xunta de Galicia, co sorteo dunha viaxe a Madeira (Portugal). A partir do xoves 24 de maio, e até o día 31, por cada 5 euros de compra entregaranse aos clientes boletos para participar no sorteo. As persoas participantes deberán cumprimentalos cos seus datos e depositalos nunha urna que estará situada no propio mercado.
A campaña Quere o teu mercado pretende revitalizar o comercio de proximidade, de calidade garantizada
O sorteo realizarase o día 31 de maio ás 11.00 horas no propio mercado. O premio consistirá nunha viaxe para dúas persoas que inclúe os voos directos dende Santiago, os traslados entre os aeroportos e o hotel e seis noites de estadía nun hotel de tres estrelas en réxime de aloxamento e almorzo. A persoa gañadora terá de prazo para gozar do seu premio ata o 30 de novembro. Comprar no Mercado é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada. O obxectivo da campaña é, precisamente, poñer en valor ese papel revitalizador e fomentar o consumo local.
Vantaxes do comercio de proximidade
O Mercado Municipal facilita a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos. Mercar neste tipo de mercado é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada. Desde o mercado de proximidade foméntase o consumo de produtos galegos, ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas que require unha dieta equilibrada e saudable.
Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.
Vén ao Mercado de Carballo!