Doa no Rexenera Fest: reforestando o espazo público
Novo nome galego para o festival cunha creadora lucense e o seu proxecto Reforestando: transformación do espazo con murais de temática vexetal
Achillea Millefolium
Doa Ocampo é unha creadora nacida no pobo soberino de Areas, en Lugo. Dende nena sempre lle gustou o debuxo, a pintura e a fotografía, entre outras disciplinas. Despois de realizar os primeiros estudos envorcouse de cheo para lograr unha formación especializada. Estudou o grao de Belas Artes e o de técnico superior en fotografía, formándose artísticamente entre Galicia, México e Portugal. A partir de aí comezou a súa carreira explorando diferentes facetas, e, no caso da arte urbana, ten pintado murais tanto no seu concello natal de Sober, como por toda a xeografía galega e española.
A creadora lucense ten recibido formación en Galicia, México ou Portugal tanto en Belas Artes como en fotografía
Na actualidade, a súa obra céntrase na posibilidade de formar parte do todo axudando ao reino verde a recuperar o espazo perdido no marco do proxecto Reforestando; pensando na transformación do espazo público, mediante a intervención mural “site specific” de temática vexetal, coa única ambición de facer renacer as zonas nas que actúa. O motor desta idea é a urxente necesidade de recoñecer e respectar a contorna natural e todo o reino vexetal e a importancia de espertar na nosa conciencia a idea de que somos parte dun todo.
Facer renacer o espazo
Segundo ela mesma explica, con reforestando pretende renacer espazos e transformalos. Integración mediante transformación. É unha procura de vida a través da adaptación. Reforestando transforma á vida espazos abandonados visualmente, contrarrestando algún de entre tantos outros desaxustes visuais dos que formamos parte. É renacemento con conciencia do circundante ao que se pertence no instante presente. É avance, constante de renacer e renacer.
Reforestando é a transformación que se produce reconquistando visualmente a paisaxe perdida, aquel obstaculizado por algunha creación artificial esquecida e abandonada na contorna natural. Unha procura de solucionar o fóra de lugar, que creaba conflito. Invisibilizando problemas. E renacer reforestando onde, en definitiva, xa non había vida.