Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Galego con licenza Creative Commons

Compartir:

Galego con licenza Creative Commons

Convidamos a usar o galego libremente e en todos os ámbitos sociais: un galego sen cadeas, sen límites nin restriccións

Cantas Cousas

Para corazóns contentos, para crebar cadeas, para compras e caprichos, para conxeniar e convivir, para cálidas cancións, para cafés e confidencias, para cabezas creativas, para cóxegas cómplices, para conversas cruzadas, para celebrar conquistas..., para cantas cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira. Esta é a idea da campaña que acabamos de poñer en marcha para convidar a usar a lingua galega libremente en todos os contextos, en todas as situacións, por parte de xente de todas as idades.

Para iso enchéronse as rúas de bandeirolas e carteis e as redes sociais de imaxes, coa participación de moita xente de Carballo de diversos ámbitos e idades que se quixo sumar a este convite. Persoas como Alba Cotelo, todo creatividade; Ana Abelenda e Natalia Álvarez que son confidentes diante dun café; as rapazas e rapaces de Aula 11 coas súas cancións; Germán e Patricia que convidan a comprar no comercio local; Hadri Felpete e Isa Fernández, que queren crebar cadeas; Lili e Ali coas súas conversas cruzadas; Natalia, que celebra conquistas no deporte; Rosa Rial e Xan Fernández, que pasean pola praia os seus corazóns contentos; Santi Picos, Cristina Castro, Mon Lendoiro e Milagros Cotelo que conviven e conxenian; ou Xoan e Alberto Vecino coas súas cóxegas cómplices.

En todos os ámbitos

A campaña inclúe dez lemas diferentes con outros tantos deseños para reflectir e fomentar o uso do idioma

Un lote de xente de Carballo que quere convidar a usar o galego libremente para o amor, para o comercio, para a convivencia, para a música, para a creatividade, para a transmisión aos nenos e ás nenas, para o whatsapp, para o deporte..., para todo, sen límites, sen restricións! Por iso se fixeron dez deseños diferentes, a partir da idea inicial xa comezada o ano pasado, con dez frases referidas ao libre uso do galego noutros tantos ámbitos (e todas as frases con dúas palabras, e que comezan por CC, como Creative Commons, a licenza de libre uso; ou como Concello de Carballo).

Todas as persoas que queiran, de Carballo, de fóra, ou mesmo de fóra de Galicia que queiran coñecer ou empregar o galego, poden sumarse á campaña. Para iso só teñen que usar o galego libremente en cantas situacións e circunstancias queiran, sen límites de ningún tipo, pois temos unha lingua CC, unha lingua Concello de Carballo, unha lingua con licenza Creative Commons, unha lingua con licenza de libre uso.

Cantas cousas podes facer en galego!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica