Pisar a lama, sentir o vento, o sol ou a choiva, aprender, gozar da natureza: Primavera en ruta
Oito roteiros con Senda Nova até o mes de xuño nos que descubrir Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte cunha ollada diferente
Roteiro: A Forza do río Chonia
Se queres coñecer un pouco mellor Carballo e a súa contorna os percorridos de Primavera en ruta son unha excelente opción. Organizados pola Asociación Ambiental Senda Nova coa colaboración do Concello, transcorren por paraxes singulares como os ríos Anllóns e Chonia, as mámoas de Cabana, as paisajes de Soneira, a costa de Malpica, os recunchos históricos de Coristanco, os camiños de Caión ou os ríos carballeses de Sofán. De entre 15 e 22 quilómetros, están pensados para que calquera poda realizalos, dende nenos até adultos ben talludiños, aínda que tamén teñen indicado o seu nivel de dificultade de baixo a medio-baixo ou medio.
Corredoiras fóra do asfalto e beiras de ríos son os principais viais polos que pasan os roteiros deseñados por Senda Nova
Entre o 15 de abril e o 3 de xuño, podedes reservar os domingos para pisar lama fóra do asfalto, percorrer corredoiras antigas ou escoitar datos de interese cultural, ecolóxico e paisaxístico da comarca nun ambiente divertido. Son roteiros cuxo obxectivo principal é a difusión da contorna e cada un dos itinerarios foi deseñado de xeito minucioso para poder achegarnos ao patrimonio das comarcas de Bergantiños, Soneira ou Ordes. Corredoiras fóra do asfalto e beiras de ríos son os principais viais polos que pasan os deseños realizados, polo que hai que prepararse para non levar sorpresas nos roteiros; pero tamén para atopar espazos agochados de gran beleza.
Oito percorridos
- O SON DO ANLLÓNS (Bergantiños) - 15 abril. Distancia aproximada 21 quilómetros. Dificultade media-baixa.
- A FORZA DO RÍO CHONIA (Trazo) - 22 abril. Distancia aproximada 22 quilómetros. Dificultade media.
- RUTA DAS MÁMOAS (Cabana de Bergantiños) - 29 abril. Distancia aproximada 16 quilómetros. Dificultade media-baixa.
- TERRAS ALTAS DE SONEIRA (Zas) - 6 maio. Distancia aproximada 19 quilómetros. Dificultade media.
- COSTA AGRESTE DE CERQUEDA E CAMBRE (Malpica de Bergantiños) - 13 maio. Distancia aproximada 17 quilómetros. Dificultade media-baixa.
- CORISTANCO HISTÓRICO (Coristanco) - 20 abril. Distancia aproximada 21 quilómetros. Dificultade media.
- CAMIÑOS DE CAIÓN (A Laracha) - 27 maio. Distancia aproximada 15 quilómetros. Dificultade media-baixa.
- RÍOS DE SOFÁN (Carballo) - 3 xuño. Distancia aproximada 22 quilómetros. Dificultade media.
Normas e inscricións
Cada participante contará cun bocata que reparte a organización á saída. Non hai que preocuparse polo transporte. A ruta inclúe a recollida nas saídas establecidas no horario establecido e volve ao mesmo lugar ao rematar a actividade. A cambio, hai algunhas pequenas indicacións, como son a puntualidade na saída, empregar un calzado axeitado (a poder ser con membrana impermeable) e roupa axeitada. Tamén hai que levar mochila, un impermeable, navalla, gorra, protección solar e …a cámara de fotos!
En Carballo as inscricións poden realizarse na Base de Protección Civil situada no edificio do Ambulatorio vello de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; e no Museo de Bergantiños os mércores, de 16.30 a 19.30 horas; tamén no Espazo da Natureza de Oza os xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. A data límite de inscripción é até dous días antes de cada roteiro. O prezo para non socios maiores de idade é de 6 €; 3 € para menores. Para socios 3 € e menores de idade 1 €. A saída dende o Concello de Carballo realízase dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela.
+ info: asociacion@sendanova.org; teléfono: 611 037 617; ou www.facebook.com/senda.nova