Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Patrimonio // Patrimonio civil // Pazo de Vilar de Francos

Compartir:

Pazo de Vilar de Francos

O pazo de Vilar de Francos

O pazo de Vilar de Francos

S. XVI- S.XVII
Vilar de Francos. Artes
Coordenadas UTM: X = 529015 Y = 4781300

As raíces do pazo de Vilar de Francos remóntanse a tempos de Carlos V, cinco séculos atrás. Construíuse ao redor dunha antiga torre defensiva, do século XVI, e está dentro dunha gran finca rodeada dunha rexa muralla con almeas.

O pazo pertencía ao marqués de Atalaia, que viviu nel até os anos noventa. Cando morreu, a súa familia decidiuno vender e foi adquirido por un negocio hostaleiro.

A visita, dende logo, merece a pena: un conxunto formado polo impoñente pazo, construído na súa maior parte no século XVII, coa torre de catro andares no seu centro, un fermoso xardín, a vivenda dos caseiros, un vello hórreo, un cruceiro e a capela dedicada a Santo Antón de Padua.

En vida do marqués, aproveitábase a festividade de Santo Antón, o 13 de xuño, para abrir as portas do pazo á veciñanza. Xa fóra das murallas, nunha finca próxima, encontrarás o carballo de Santo Antón, que ten xa varios centos de anos.

Fíxate no escudo que atoparás na fachada do pazo. Está dividido en catro partes, cos símbolos de catro das principais familias nobres da zona. Os Vilardefrancos están representados por un brazo que ergue un estandarte. Aos Figueroa simbolízanos cinco follas de Figueira. A cabeza de lobo correspóndelle á familia Moscoso e a torre coas ondas do mar e rodeada de silveiras, aos Pardiñas de Razo.

Escudo do Pazo de Vilardefrancos

Escudo do Pazo de Vilardefrancos

O morgado de Vilar de Francos nace en época de Carlos V, e ten orixe no matrimonio dun membro da familia Pardiñas, que tiñan solar na torre de Pardiñas, cunha dona da familia Vilar de Francos. Desta familia é Fabián Pardiñas Vilardefrancos, poeta galego do século XVII que chegou a ser deán da catedral de Santiago. No século XIX, o pazo sería comprado polos marqueses de Atalaia.

O último marqués de Atalaia en habitar o pazo, José Antonio Martínez de Pisón, era militar e loitou a favor do bando franquista na Guerra Civil. Salvouse do coñecido naufraxio do buque Castillo de Olite, no que morreron máis de mil persoas. A embarcación foi afundida polo exército republicano en 1939 cando se dirixía a Cartaxena.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica