Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Cruzamos o ecuador de setembro cunha morea de verbenas: Bértoa, Berdillo, Lema, Rus… E ademáis temos o Xiria Pop, o Autocross e a Festa da Pataca

VERBENAS

Mirador de Santa Irene

Mirador de Santa Irene

Festas de Santa Irene en Castrillón-Lema. A Asociación Cultural A Foucella pecha as festas do 2015 coa celebración de Santa Irene desde un dos miradores con mellores vistas da bisbarra. Será do 18 ao 20 de setembro. O venres hai verbena nocturna co grupo Nebraska. O sábado, os festexos continúan coa misa solemne ás 13.30h e a sesión vermú coa orquestra Ría de Betanzos, que tamén se encargará da verbena pola noite. E o domingo o fin de festa será co Dúo Diamante, tamén despois da misa na sesión vermú. Música e baile con Baldaio aos nosos pés desde unha das vistas máis fermosas da lagoa.

Festas de Santa Eufemia e San Mateo en Rus. En Rus os festexos son o 19 e 20 de setembro. O sábado céntranse  nunha verbena co Grupo Bomba e unha orquestra sorpresa. O domingo a veciñanza organiza unha gran pulpada con inchables, unha festa da espuma e animadores para os máis cativos e cativas pola tarde. A sesión vermú de antes da comida e a verbena pola tarde a partir das cinco estarán animadas polo Grupo Alvein.

Festa na honra da Virxe das Dores en Berdillo. O sábado 19 de setembro a orquestra Ciudad de Vigo é a encargada das verbenas das festas de Berdillo. Despois da misa de unha e da procesión na sesión vermú, e tamén pola noite.

Festas de Santa Eufemia de Bértoa. Como en Rus, Bértoa homenaxea a Santa Eufemia, aínda que este ano con un pouco de suspense. Estaba previsto que o mércores 16 se celebrase unha gran verbena coa orquestra Combo Dominicano, mais o temporal Henri truncou os plans. Pero non pasa nada, porque será o mércores 23 pola noite, e estará acompañada doutro grupo sorpresa. Pero antes, o domingo 20, xa van quecendo motores. Hai misas ás 10.00 e ás 11.00h coa misa solemne ás 13.00h cantada pola Coral de Bergantiños e coa actuación da banda de gaitas da Asociación Cultural Lembranzas de Bergantiños. Logo sesión vermú coa orquestra Venezia. Ademais, un grupo de veciñas organiza unha comida no campo da festa a un prezo de 24 euros, con empanada, pulpo, churrasco, larpeira, viño, refrescos e café con caña.

XIRIA POP

Xiria Pop

O festival Xiria Pop cumpre 18 anos e pecha a tempada de festivais de verán con música de calidade e moita diversión na Sala Dublín o venres 18 e o sábado 19 de setembro. O prezo da entrada é de 15€ para un día; e de 25€ o bono para o venres e o sábado. Poden mercarse na propia Sala Dublín. Os grupos deste ano son os seguintes: o venres, Puma Pumku (22.45h), Salto (23.40h), The Bevis Frond (0.45h) e Biscuit (2.25h); o sábado, Cabezafuego (22.45h), Lie Detectors (23.40h), Los Tupper (0.45h) e BB sin sed. (1.55h). Ademais, o venres e o sábado ás 19.30h preséntanse, tamén na Dublín, dous libros relacionados coa música coa presenza dos autores: Fernando Fernández Rego falará da súa biografía de Andrés do Barro, titulada "Saudade"; e o sábado, Jaime Gonzalo presenta a súa triloxía sobre o rock and roll "Poder freak: una crónica de la contracultura". Non podedes faltar.

IV AUTOCROSS CARBALLO

Circuíto de Bértoa

O Campionato Galego de Autocross visita o Circuíto de Motor de Bértoa no 4º Autocross Carballo o sábado 19 nunha proba moi emocionante que pode ser decisiva para decidir aos gañadores e na que 70 pilotos tomarán a saída en máis de 1.600 cc, menos de 1.600cc, kartcross e 4x4. Os mellores pilotos carballeses, Maikel Vilariño, Javier Ramilo Queijo, Alberto Varela e Javier Castro, entre outros, pelexarán pola victoria nas súas respectivas categorías. Maikel Vilariño é, ademais, favorito para o título final en kartcross. Respecto dos horarios, os adestramentos comezan ás 12.00h, as mangas a partir das 15.30h coas semifinais, e as finais a partir das 17.30h. Ruxen os motores en Bértoa!

XXXV FESTA DA PATACA

Festa da pataca

Por se non tendes abondo con todo o que acontece en Carballo, tamén hai que lembrar que Coristanco celebra a Festa da Pataca. Aínda que hai actividades dende o venres 18, o día grande é o domingo 20 de setembro,  con actividades dende as nove e media da mañá e o desfile dos tractores engalanados a partir das 11.30h. Evaristo Domínguez Rial, historiador, profesor, membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns e de Senda Nova, é o encargado do pregón ás 12.30h. E pecha a mañá unha demostración culinaria de Beningno Campos, do coñecido programa da TVG “Larpeiros” ás 13.30h, con degustación incluída na rúa Muíño. E pola tarde aínda hai máis citas con concursos, teatro de rúa e a actuación de Birimbao ás 20.00h. Gozade coa pataca de Bergantiños. A mellor que hai!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica