Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Festival de música e surf en Razo

Compartir:

Festival de música e surf en Razo

O Sereas e Piratas festexa o seu décimo aniversario cun cartel encabezado por Aerolíneas Federales. Será este sábado na praia de Razo.

Foron dez anos nos que non parou de medrar até converterse en todo un referente en Galicia e un símbolo do verán en Razo. Nada presta mellor que toda unha xornada de festa en pleno mes de xullo como a que nos traerá desta volta o Festival Sereas e Piratas. Haberá programación de día, con moito deporte e, como non, tamén música, e programación de noite, cun cartel de cinco concertos no que destaca Aerolíneas Federales, a emblemática banda viguesa dos anos 80,que estará acompañada por Bigott, Los Punsetes,Jupiter Lion, Puma Pumku e Chicharrón.

Ao longo desta década, o Festival Sereas e Pirata actuou como impulsor de bandas como Disco Las Palmeras!, Chicharrón, Arabian Evils ou Triángulo de amor bizarro, agora de xira en EEUU.

Festival de noite


O toque nostálxico achegarao a protagonista da noite, a banda viguesa Aerolíneas Federales.

Bigott, grupo de culto zaragozano, ofrecerá en Carballo o seu único concerto en Galicia. Los Punsetes, que este ano tamén festexan o seu décino aniversario, traerannos o seu indie pop procedente de Madrid. A banda valenciana Jupiter Lion amenizará a noite a ritmo de rock.

O grupo compostelán Puma Punku desprenderá psicodelia e Chicharrón, banda moi vinculada a capital bergantiñá e nacida precisamente como homenaxe ao falecido artista carballés Alberto Gende, demostraranos o porqué da súa repercusión actual en Galicia. A noite tamén estará animada polos Djs Cheese&Bacon, de marcado estilo indie.As entrada custan 12 euros con venda anticipada, e 15 se se adquiren o mesmo día do festival no despacho de billetes.

Festival de día

As citas deportivas terán un marcado aire retro, cunha tarde marcada polo Surf Contest Single Fin Classic e co concurso de Long Skate. Pola mañá haberá un divertido obradoiro de iniciación ao skate. Non faltará, tampouco, o tradicional Torneo de Volei-praia Sereas e Piratas na explanada. Haberá, ademais, Mercado de surf, e mais actividades para @s nen@s no Pequepop.

A xornada de día estará amenizada polo compostelán Álex Casanova, que se encargará da sesión vermú cun estilo electropop que fai recordar aos 80. Xa despois de comer, as actuacións musicais de balde complétanse cos carballeses Aula 11, que veñen de gañar o concurso sub 18 de Radio 3 España; e con Not only shills, un grupo de Ponteceso que definen o seu estilo como indie post-punk revival. Estarán acompañados polos Djs Chulapos, Quique Fábrica e Nano Vinilo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica