Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cultura para refrescar o verán

Compartir:

Cultura para refrescar o verán

O Verán Cultural carballés traeranos música, danza, clown e cinema ao aire libre, con citas clásicas como o Festival Sereas e Piratas na Praia de Razo, ou programacións novas como o Festival Dando a Lata.

Guadi Galego

Guadi Galego

De seguro, calquera carballés ou carballesa que te poidas encontrar teña un recordo fermoso dunha noite de verán na Praza do Concello gozando entre música, baile e risos. Ano a ano, a programación do Verán Cultural foxe ao aire libre e trae ao concello concertos, danza, teatro, cine e mesmo clown. Este verán será en Carballo festivaleiro onde os haxa. Ao Sereas e Piratas, unha das citas inexcusábeis do verán na Praia de Razo, únese desta vez o festival Dando a Lata, co que Conservas Calvo quere celebrar o seu 75 aniversario. Pero habera moito máis: nomes tan destacados da música galega como Guadi Galego, os pandereiteiros e cantandores Quique Peón e Xurxo Fernández, ou as loucuras ao calado de Circo Chosco.

De festival en festival

O Festival Sereas e Piratas está este ano de aniversario. Son xa dez anos, que festexará na xornada do 11 de xullo cun cartel no que destacan os Aerolíneas Federales; os Bigott, que terán no Sereas o seu único concerto en Galicia, e grupos  como Los Punsetes, Jupiter Lion, Puma Pumku e Chicharrón.

O Festival Dando a Lata prolongarase ao longo do mes de xullo e aunará danza, música dos máis variados estilos e mesmo actuacións para público familiar. O venres, 10 de xullo, artistas como Samarúas, Rayden, Mediyama, Mesh e Darwin, encheran a noite cos sons do folk, rap, hip-hop e pop-rock. O venres 17 tocaralle á danza, co grupo madrileño Danzem, e ao día seguinte terá lugar o festival e concurso Pop-Rock Calvo na zona do Rego da Balsa, no que poden participar todos aqueles grupos de Carballo que se queiran animar.

Mais xullo tamén nos sorprenderá con ecos sonoros de horizontes afastados. A Agrupación Musical Saint Luc de Banakintú traeranos o 9 de xullo cun concerto de máis de 30 intérpretes que poñen en escena música e danza tradicionais de Costa de Marfil e cancións de artistas africanos, acompañados de diferentes instrumentos de percusión, guitarras e trompetas.

O mes pechará coas actuacións dun referente do público familiar, o grupo Mamá Cabra, que estará o venres, 24 de xullo en Carballo celebrando os seus 15 anos de vida, e co concerto de David Dominique Jazz Banda o día 31 co seu tributo ao swing.

Agosto diverso

Radio Cos

Radio Cos

Comedia e clown para o público máis infantil é a fórmula que aplica Circo Chosco, que estará na nosa vila o venres, 14 de agosto. O mes tamén nos traerá a varios nomes destacados da música galega, como é o caso de Guadi Galego (o 28 de agosto) ou Radio Cos (o 7 de agosto), con dous pandereiteiros e cantadores ben coñecidos, Quique Peón e Xurxo Fernandes.

Fieis a agosto seguirán dúas das súas citas máis tradicionais, a Praza dos Libros, a nosa festa literaria e editorial, do 20 ao 23 de agosto, e o festival de Música e Baile Tradicional, que xuntará nesta ocasión á Banda Municipal de Gaitas, os Grupos de Pandereteiras Xoldreira da AC Nemeth, os Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Berdillo e os Grupos de Música e Baile Tradicional da Asociación San Martín de Razo.

Completarán o verán as noites de cine, cun total de 18 sesións ao longo dos meses de xullo e de agosto: os martes e os xoves, nas diversas parroquias do concello, e o mércores, na vila.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica