Axenda da finde
A fin de semana será do máis variado: Campionato Estatal de Autocross, todo tipo de obradoiros en Arte na Rúa e verbeneo en Cances e Ardaña.
VENRES
Humor con David Amor, Álex Clavero e Fran El Chavo. Praza do Concello. 22.30. Con esta actuación botará a andar o programa do Verán Cultural. O cómico galego David Amor, moi vinculado profesionalmente a Carballo, fará presentador. Completarán este trío de novos humoristas os vallisoletanos Álex Clavero, que se aplica como lema iso de que un riso vale máis ca mil palabras, e Fran el Chavo, que comezou a súa traxectoria artística aló polo 2003 practicando cos sacos cos que traballaba nunha fábrica de pensos.
SÁBADO
Arte na rúa. Xardín Municipal. Mañá e tarde. A arte volverá facerse do novo coas rúas de Carballo grazas a esta iniciativa da asociacion carballesa Crea Formas. Será unha xornada interdisciplinar, onde se darán cita todo tipo de manifestacións artísticas, dende a pintura, até a música, a danza ou o teatro. Ao longo da xornada sucederanse os máis variados obradoiros: de teatro de sombras, debuxo con cápsulas de café, creación de mandalas, debuxo libre, barro, papiroflexia, fotografía, estampacion, tinta china (sumi-é), de construción atrapasonos, danza, poesía, arte no chan... Podes inscribirte no enderezo creartenarua@gmail.com ou no teléfono 636947165. Más info aquí.
XXIII Romería Popular de Imende. Comezará a iso das seis con degustación de polbo e carne ao caldeiro e a actuación dos grupos de baile de Berdillo. A festa seguirá pola noite con verbena.
DOMINGO
Albaroque de Arume. Centro social e pistas polideportivas de Berdillo. Un ano máis, a veciñanza de Berdillo xúntase para festexar ao redor do Albaroque. Aínda que o día forte será o domingo, xa o sábado, ás 11.00, haberá xogos para nenos e nenas. O domingo actuarán, pola mañá, o Coro Aires de Bergantiños, o grupo de baile Bilitroque, a Escola de Música e Baile Tradicional, as cantareiras Saraiba e o grupo de baile Caneca e Media. Pola tarde, e tras a sardiñada que terá lugar ao mediodía, haberá foliada de cantareir@s e mais exhibiciónde zumba, danza do ventre e ritmos latinos. O programa rematará ás 20.30h con queimada e a promesa de "festa rachada".
TODA A FINDE
Campionato de España de Autocross. A séptima edición do Campionato de España dispútase esta fin de semana no Circuito de Bértoa, en Carballo. A cita comeza o venres 3 de xullo, no Pazo da Cultura, ás 17.45, coa entrega de documentación e as verificacións técnicas, e rematará o domingo, 5 de xullo, coas semifinais e, a partir das 12.30h., as finais. Participarán varios campións estatais e líderes das diferentes categorías. Máis info aquí.
Festas en Ardaña. Comeza o verán e as parroquias do concello énchense de festas. Esta fin de semana tocan as do Sacramento en Ardaña, que terán como puntos destacados do programa as actuacións da orquestra Filadelfia, o sábado 4, e Metrópolis, o domingo 4. Todos os días haberá remate de festa coa disco móvil Impacto.
Festas de San Pedro en Cances. Adro da Capela. Tamén nesta fin de semana se celebra o San Pedro na parroquia de Cances. Festexarano o sábado coa orquestra Gran Casino, que se encargará da sesión vermú e da verbena da noite. O domingo, ao mediodía, contarán co trío Unión y Fuerza.
Exposición Tricomías. Pazo da Cultura. Terceira planta. De 17.00h a 20.00h. De balde. É a tradicional mostra que, polo San Xoán, organizan as e os artistas locais, agrupados na asociación Crea Formas. Baixo o título "Tricomías", as obras teñen, nesta edición, como común denominador, o estar exclusivaente compostas en negro, branco e vermello, condensacion cromática que as dota de especial forza e lles serve para expresar diversos matices emocionais que van dende a paixón até o desgarro.