Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Ignacio Vilar presenta en Carballo a rodaxe da...

Compartir:

Ignacio Vilar presenta en Carballo a rodaxe da súa nova pelicula

A Costa da Morte será a gran protagonista do novo filme do director de A Esmorga. A rodaxe iníciase este mes de xullo e prolongarase até o vindeiro marzo.

Sicixia é un fenómeno astronómico no que tres ou máis corpos celestes, como a lúa, o sol e a terra, coinciden aliñados. Sicixia é, tamén, a película que, en breve, comezará a rodar o director Ignacio Vilar. Presentouna, este 30 de xuño, en Carballo, un dos concellos da Costa da Morte, que será a gran protagonista do vindeiro filme do exitoso realizador de A Esmorga.

Ignacio Vilar comeza a rodaxe desta nova longametraxe cando aínda A Esmorga segue a circular polos cines. No mes de maio, iniciouse a sua exhibición fóra da Galiza e aínda agora segue en carteleira nas salas de Barcelona. O seguinte paso será levala polos  cinemas latinoamericanos, a países como Arxentina e Uruguai.

Sicixia, que estará protagonizada por Monti Castiñeiras e a fisterrá Marta Lado, promete ser unha película diferente na traxectoria de Vilar. Os escenarios da Galiza interior, onde se rodaron filmes como Pradolongo, Vilamor ou a propia A Esmorga, cederanlle o protagonismo nesta ocasión á costa. Ademais, tal e como manifestou Vilar na presentación en Carballo, este será un filme cunha gran presenza do son nun momento no que o realizador quere non só traballar coas historias senón tamén experimentar coa linguaxe pois da súa conxunción ─ subliñou─ nacen os grandes filmes.

A idea do filme non é nova. Levaba buligando na cabeza de Vilar dende hai xa tres décadas, tras percorrer durante varios días a Costa da Morte a pé. "Quedoume a Costa da Morte no corazón", manifestou, e tamén ficaron con el as ganas de entrar máis a fondo nela. O cine serviralle de ferramenta para facelo.

O CINE COMO ESCAPARATE

Sicixia conta con apoio económico do concello de Carballo. É unha forma, tal e como destacou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, de poñer de relevo a zona no mundo. Na roda de prensa fíxose tamén un chamamento  á colaboración do resto dos gobernos locais da zona. "Queremos que confíen en nós como vitrina de alta calidade da Costa da Morte", subliñou a produtora, Laura Fernández.

A obra contará no seu reparto coas actrices Sonia Castelo e Tamara Canosa, así como con destacados profesionais tamén no aspecto técnico. Tal é o caso de Bernat Fortiana a cargo do son e Diego Romero como responsábel da fotografía, ao igual que fixera n´A Esmorga. A rodaxe prolongarase até o mes de marzo, co fin de deixar testemuño da Costa da Morte ao longo das diferentes estacións do ano.

O equipo  aproveitou a presentación da rodaxe para anunciar a posta en funcionamento, tamén o mesmo día, 30 de xuño, da súa páxina web (www.sicixia.gal), do seu perfil en Facebook e da súa conta de Twitter.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica