Carballo, a vila que mira ao mar
Neste inicio do verán, a fotografía e a poesía tomaron as xanelas e escaparates do barrio da lagoa. A mostra urbana está conformada por unha selección das obras presentadas ao concurso
Neste inicio do verán, as fiestras do barrio da Lagoa, en Carballo, ollan ao mar. E como iso é posible se a nosa vila está a un cuarto de hora en coche da costa? Unha selección das obras presentadas ao concurso fotopoético "Carballo, mirando ao mar" ocupa, dende o xoves, 18 de xuño, varias das xanelas e escaparates das vellas casas deste barrio que foi dos primeiros núcleos habitados da capital bergantiñá, onde está a esencia do Carballo orixinario.
O noso mar foi a fonte de inspiración das obras presentadas a este concurso que forma parte do proxecto GAC (Grupo de Acción Costeira) "Carballo, mirando ao mar". A iniciativa, que botou a andar o pasado outono e remata agora neste mes de xuño, pretendía por en valor a nosa costa. Porque, aínda que Carballo conta co privilexio de formar parte desa beleza salvaxe da Costa da Morte, porén o concello e, sobre todo a vila, viviu historicamente de costas á súa riqueza mariña. O noso foi un municipio tradicionalmente agrícola, do que da conta a sona das súas feiras e, aínda que só uns cantos quilómetros separan a vila do Atlántico, adoitamos prestarlle só atención cando o calor chama a refrescarse na praia.
Da Lagoa de Baldaio á Lagoa de Carballo
O proxecto "Carballo, mirando ao mar" descubriunos que o mar é para gozalo, para querelo e para valoralo en todas as épocas do ano. Pola riqueza ambiental do noso espazo natural Razo-Baldaio. Polas súas múltiples posibilidades de ocio, dende a práctica de deportes como o surf até actividades como a observación ornitolóxica. Polo proveito que del podemos tirar, como así amosa a actividade das nosas mariscadoras ou as iniciativas turísticas que xorden ao seu carón.
Mais o mar é, sobre todo, fonte de inspiración. Así nolo amosaron as 109 obras que se presentaron nas catro categorías convocadas no concurso Carballo, mirando ao mar: fotografía, poema, videopoema e textos poéticos. As obras gañadoras, os accésit e unha selección, feita polo xurado, poderemos vela ao longo destas semanas no barrio da Lagoa. Si, no barrio da Lagoa, porque da importancia que a auga ten para o noso concello, mesmo para o noso núcleo urbano arredado do mar, dá conta o nome do máis antigo dos nosos barrios.
Na inauguración desta exposición ao aire libre, que tivo lugar o xoves 18 de xuño, entregáronse os premios non só ás gañadoras e gañadores do concurso fotopoético, senón tamén ás raparigas e raparigos que quedaron en primeiro lugar no premio literario infantil "Carballo, mirando ao mar": Claudia Rama Mosquera (primeiro premio), Pablo Martínez Souto (segundo premio) e Xurxo Pena Vázquez (terceiro premio), @s tres do colexio A Cristina, así como Daniel García Torres, do San Luís Romero e Lara Otero Suárez, do Fogar, que se fixeron con senllos accésit.
Despedindo "Carballo, mirando ao mar"
Pecha con esta actividade un semestre dunha intensa achega á nosa riqueza mariña. Dende aquela fin de semana de outono no que abriamos o programa "Carballo, mirando ao mar" cun concerto e un roteiro ciclista polo litoral, sucedéronse as actividades culturais, educativas, de ocio e tamén de formación profesional ao redor das posibilidades da nosa costa, como os obradoiros que tiveron lugar no Fórum ao redor de ámbitos como o turismo, o hostalaría ou a gastronomía.
Non faltaron, para as e os cativos, os bautismos de mar, visitas guiadas polas nosas mariscadoras ou actividades de coñecemento do medio ambiente costeiro, como a observación do rico habitat de aves da lagoa e da marisma de Baldaio. Tampouco, para @s maiores, roteiros, safaris fotográficos ou saídas para a observación ornitolóxica. Nin, por suposto, iniciativas de creación cultural, como o propio premio fotopoético ou os murais que varias das nosas artistas locais pintaron nas paredes da vila, nunha produtiva maridaxe do programa "Carballo, mirando ao mar", coa iniciativa de arte urbana "Derrubando, muros con pintura".