Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Homenaxeo as mulleres que fixeron que Galicia...

Compartir:

"Homenaxeo as mulleres que fixeron que Galicia saíra adiante en tempos duros"

Nómada, ilustrador e muralista, autor do mural da rúa Fomento para o Rexenera Fest.

Nómada foi a representación galega no Rexenera Fest, o festival de arte urbana de Carballo. Nacido en Almería, hai tres anos que vive en Compostela. Fala galego, coñece ás e aos nosos artistas, enchoupouse da nosa historia e ten xa sobre dela un discurso crítico. O seu mural está dedicado ás mulleres galegas que tantos pesos levaron sobre as súas cabezas, e inspirado na moura que disque lle deu orixe ao dolme de Aldemunde.

-O teu mural é unha homenaxe ás mulleres galegas. En que sentido?


-Si, está dedicado ás mulleres que levan a cesta á cabeza, que levaron as mercadorías das actividades comerciais e que fixeron que Galicia saíra adiante en tempos máis duros. Esta é a representación da lenda da Pedra Moura, que explica a orixe do dolme de Aldemunde.  As mouras eran un personaxe mitolóxico. A moura da lenda levaba unha pedra na cabeza mentres ía calcetando. Cando estaba xa cansa deixouna no chan, e a pedra medrou. A muller que represento no mural está calcetando tamén, facendo un tapiz que representa as mulleres galegas. Nel aparecen debuxadas en total seis mulleres, cada unha delas levando distintos tipos de mercadorías, dende peixe até verdura.

-O teu mural conta con influencias de artistas galeg@s...


-As mulleres do tapiz do fondo están influenciadas por autores como Luís Seoane ou Eugenio Granell. A protagonista segue unha liña máis realista, máis próxima a Maruxa Mallo. Penso que teño que enchouparme de todo o que hai aquí porque é alucinante...

-De feito, só levas tres anos vivindo en Galicia...

-Si eu son de Almería, Huércal de Almería. Somos o único deserto de Europa. Para min, o contraste que atopei en Galicia foi un gran estímulo, pola súa vexetación e pola súa historia. Aquí en Galicia a historia está esquecida, e adrede. Non se esquecen as cousas por querer, senón por algo.

-Vexo que estás enchoupado da cultura galega...

-Tanta choiva e tanta humidade, ao final rematas enchoupado... (risos) É moi importante enchouparse, porque senón quedas estancado. Hai xente á que lle gusta insistir nun estilo que domina, e quedan só con iso, non queren influencias. Eu penso que a influencia é quitarlle protagonismo á túa obra e entender que es un máis, un gran de area na praia.

-O feito de estar aquí cambiou a túa obra?


-Si. Eu antes pintaba desertos. Agora pinto moita vexetación. As persoas teñen un carácter distinto. Tamén quero chegar dende Andalucía e traer un pouco de cor. Galicia non é para nada gris. O ceo ten moitos matices. E alucino coas historias. Nada que busques, Galicia ten un montón de labirintos nos que ninguén se atreveu a entrar, ou se esqueceron, e que hai que desenterrar.

-Escolleches este edificio entre tres. Por que?


-Por estar enriba do río.

-Que dificultades supuxo pintar enriba do río?

-Onte caeume unha brocha que me gustaba moito. Baixei da grúa e fun correndo polo río coa pértiga e o arnés. Collín unha pedra, ateina ao arnés e baixei ao río a coller a brocha pescando. Está gravado. (risos)

"Hai que ir aos pobos, ás zonas pequenas, sen tanto bombo, sen ir salvar a ninguén, enchoupándose da súa cultura e representándoa"

-Cal é a importancia que a arte urbana pode ter para Carballo?

-Eu penso que este evento está moi ben, e vaille dar moita forza ao que xa hai, ao muralismo de Carballo. Carballo tivo unha planificación urbanística que brillou pola súa ausencia e o único que se pode facer dende a miña profesión é facer un mural nun entorno precioso nun edificio horrible.

-Como ves a situación da arte urbana en Galicia?

-Ten que evolucionar e saír un pouco dos esquemas preestablecidos norteamericanos. Hai xente con moitos prexuízos. Moitos autores teñen que darlle unha volta. Non é só pintar o que me dea a gana onde sexa. Eu podo pintar ilegal con criterio nun sitio onde saiba que non dano a ninguén ou podo facelo porque me dá igual todo e collo e destrúo.  

-E, dende o teu punto de vista, cal é a situación do contexto estatal?

-O contexto estatal está collendo un matiz demasiado neoliberal e estase mercantilizando demasiado. Hai que ir aos pobos, ás zonas pequenas, sen tanto bombo, sen ir salvar a ninguén. Alí xa teñen moita cultura, hai que enchouparse dela e representala, dende a humildade.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica