Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O talento das e dos nosos pequenos feirantes

Compartir:

O talento das e dos nosos pequenos feirantes

Este venres, celebrarase en Carballo a primeira Pequefeira, na que nenos e nenas do Horto Infantil Ecolóxico e dos coles do municipio venderán os produtos que cultivaron ao longo do ano.

Estas leitugas de Razo están esperando para ir á Pequefeira

Estas leitugas de Razo están esperando para ir á Pequefeira

Levan todo o ano traballando. Aprenderon a laborear, a sementar, a coidar da terra e, sobre todo, a ilusión de ver medrar o que se coida. Agora, as nenas e os nenos do Horto Infantil Ecolóxico de Carballo levarán con todo o orgullo o seu traballo á Pequefeira, que terá lugar este venres de 11. a 12.30, na Praza do Concello, no mesmo lugar onde todos os xoves e en domingos alternos, se celebra a feira carballesa.

A experiencia comezou o pasado curso cunha serie de obradoiros impartidos no propio horto ecolóxico. Agora, no actual curso académico, ampliouse aos colexios de Infantil e Primaria do termo municipal co Horto Viaxeiro. Os centros do núcleo urbano contaron con cadansúa parcela nos terreos do Horto Infantil Ecolóxico na rúa Nardos. Os do rural, polo xeral, dispuxeron das súas propias parcelas no terreo dos seus colexios. Esta será a primeira Pequefeira organizada por nenas e nenos que participan no proxecto do Horto Infantil Ecolóxico de Carballo e mais no Horto Viaxeiro.

O alumnado porá á venda as súas colleitas, cultivadas exclusivamente en ecolóxico. Pouco quixeron avanzar, mais sabemos que @s nen@s do colexio de Razo traerán unhas fermosas leitugas medradas ao calor do benéfico microclima da zona e que o alumnado do colexio San Luís Romero sorprenderá co que estiveron a cultivar nos seus terreos. Haberá taméns produtos de horta, flores e produtos fitosanitarios como purín, elaborados exclusivamente en ecolóxico pol@s propi@s pequen@s.

Reinvestindo o ganado

Os beneficios serán invertidos ou ben no propio colexio ou donados a organizacións solidarias. O proxecto pretende achegar as xeracións máis novas á cultura e aos saberes do campo, educalos na cultura do emprendemento, incentivar no concello o cultivo en ecolóxico e trasladar ás e aos pequenos a importancia que, no noso municipio, teñen as feiras como motor económico. A cativada xa está a demostrar que non só é rápida en aprender senón áxil en ensinar. Hai xa maiores que, tomando boa nota do que as súas fillas e fillos fan no Horto, probaron xa con prácticas en ecolóxico como a elaboración de purín (eficaz para eliminar pragas e nutrir a terra) a partir dun sinxelo ingrediente: ortigas fermentadas durante días en auga.

Participan no proxecto o obradoiro "Cole da Herba", que se imparte nas instalacións do Horto Ecolóxico na rúa Nardos, os CEIP Gándara Sofán, Nétoma Razo, Bergantiños e Xesús San Luis Romero, o centro privado de ensinoArtai, o CRA Ponte da Pedra (que engloba as unitarias rurais de A Rega, Mirón, Berdillo, Artes, Cances, Xoane e Sísamo) e as escolas infantís As Landras e A Braña. De todos eles poderemos ver o alumnado este venres convertido en feirantes, agás do CEIP Gándara Sofán, de excursión este día (será o alumnado do Xesús San Luís Romero os que se encarguen da venda dos produtos sofandeses) e os nenos e nenas das escolas infantís, pola súa corta idade.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica