Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Praias de calidade certificada

Compartir:

Praias de calidade certificada

A calidade dos areais carballeses, recoñecida con bandeira azul e cos prestixiosos certificados de calidade ISO e EMAS.

Seguramente vos soen as siglas ISO como certificado de calidade en relación cos máis diversos produtos. Pois ben, en Carballo as praias tamén teñen  selo de calidade. Os nosos areais foron os primeiros da Costa da Morte en obter os prestixiosos certificados internacionais EMAS e ISO 14.001, os máis esixentes nos que a xestión medioambiental  se refire. Dende hai un ano, ambos os dous selos garanten a calidade dos areais de Razo, Baldaio-As Saíñas e A Pedra do Sal. Estes dous últimos contan este ano, tamén, con bandeira azul, o distintivo outorgado pola fundación ADEAC.

Xestión sostible

Os certificados EMAS e ISO supoñen, porén, un paso máis aló. Mentres a bandeira azul avalia, como foto fixa, a situación da praia nun momento determinado, os certificados EMAS e ISO implican un control continuado e a introdución de medidas correctoras. O EMAS, o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría, é o de maior prestixio dos implantados en Europa.

O pasado ano, tan só 19 praias galegas dispuñan de certificacion ISO 14.001 e so 14 obtiveran o EMAS, segundo datos de AENOR, unha das entidades certificadoras máis prestixiosas e con maior presenza. Malia a seren de implantación aínda escasa en Galicia, os certificados ISO e EMAS si son habituais noutros eidos do litoral norte estatal, como é o caso das praias vascas, coa da Concha como referente.

Estes certificados esixen un compromiso coa prevención  da contaminación, coa mellora continua do areal, coa xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Para a obtención dos certificados ISO e EMAS foron precisas a realización de diversas auditorías e controis de boas prácticas, como análises relativas á limpeza dos areais e das augas e atención especial ao servizo de socorrismo, a recollida de lixo ou a creación dun regulamento específico.

Limpeza e control

Do 1 de xuño até o 1 de outubro, desenvolveranse nos nosos areais traballos diarios de limpeza, non só na praia, senón tamén nos accesos, aparacadoiros, zonas verdes, servizos hixiénicos, postos de socorristas e baleirado de papeleiras.

O servizo estará dispoñíble tanto nos tres principais areais carballeses -Razo, Baldaio-As Saíñas, e A Pedra do Sal- como nas recollidas praias de Leira e Arnela, dous pequenos e acolledores areais situados no litoral que vai de Baldaio ao porto pesqueiro de Caión.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica