Carballo, sendas do mar
O Plan de Dinamización Turística inclúe a elaboración de contidos multimedia e dun roteiro mediante códigos QR, así como diversas accións formativas para converternos nos mellores anfitrións do mar
Entrada do mar na lagoa de Baldaio
O mar é a mellor carta de presentación de Carballo e, tamén, unha das máis descoñecidas. Carballo ten mar e é Costa da Morte. Un litoral cun dos areais máis grandes de Galicia, o que decorre entre Razo e Baldaio, con acantilados coa beleza salvaxe do agreste e con pequenas furnas que se agochan no Atlántico até as proximidades de Caión. O natural e o seu mellor atractivo, e del bota man o Plan de Dinamización Turística, "Carballo, sendas do mar", que vén de ser presentado neste mes de setembro. Confiando na forza de atracción do Atlántico como motor de desenvolvemento local, ao longo dos vindeiros meses desenvolveranse diversas accións para reforzar o noso tecido turístico: dende o desenvolvemento dun roteiro guiado mediante códigos QR, para que, se nos visitas, poidas informarte de maneira sinxela e autónoma dende o móbil, até a elaboración de contidos multimedia, e sobre todo, o reforzo no asesoramento e formación do noso mellor capital, o humano.
"Carballo, sendas do mar" incidirá no valor ecolóxico e turístico da costa carballesa, e baseará a súa promoción na colaboración público-privada, co pulo do Concello e do GAC Costa da Morte, o Grupo de Acción Costeira, e a implicación das e dos hosteleiros da zona, non só da costa, senón tamén da vila, porque o que se pretende é facer chegar o mar á vila, que tamén dende a capital bergantiñá se promocione o noso mar. As accións formativas desenvólvense en catro bloques: a elaboración dun manual de boas prácticas para as empresas turísticas, e obradoiros de emprendemento, de turismo mariñeiro e para a rede de hostaleir@s. Na ligazón que abaixo adxuntamos, podes consultar datas e modo de inscrición.
As accións formativas
O cociñeiro Adrián Felípez falará de Dieta Atlántica
Divers@s especialistas encargaranse das accións formativas que terán lugar neste outono, e que organiza a empresa Valora. Tal é o caso do cociñeiro carballés Adrián Felípez, con experiencia en diversos estabelecementos Michelín, que tratará sobre a dieta atlántica nun dos obradoiros dirixidos ao sector hostaleiro. Ou tamén da xornalista especializada en social media, Lucía Martínez, que falará de novas tecnoloxías e marketing en empresas turísticas.
Os obradoiros de emprendemento serán tres e abordarán a importancia do surf como actividade sostíbel e xeradora de turismo, o deseño de plans de negocio para empresas turísticas e as oportunidades de negocio en turismo sostíbel en Razo-Baldaio.
As accións formativas en turismo mariñeiro abondarán na conceptualización do mesmo, cunha mesa redonda con profesionais do mar sobre o que debemos entender como tal, e no deseño de actividades de turismo mariñeiro, que centrarán outra das xornadas. Amosarán, ademais, claves para ser unha boa guía ou un bo guía de turismo mariñeiro.