Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A axenda da finde

Compartir:

A axenda da finde

Esta finde, en Carballo, concertos, feira e II edición do Autocross Carballo. A un paso, moito máis.

VENRES

Presentación do libro de conversas Temos dereito a un futuro distinto. 20.00h. A asociación cultural Lumieira organiza, no terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo, o  acto de presentación do libro Temos dereito a un futuro distinto, que recolle as conversas mantidas entre o xornalista Xan Carballa e o voceiro do BNG, o economista Xavier Vence.

Concerto de Som do Galpom na Sala A Reserva. A partir das 23.00h, a banda galega Som do Galpóm trae á Sala a Reserva a súa mestura de rap, funk, reggae e folk. O grupo foi gañador en 2008 do Foundation Reggae Festival e mais do II Certame Nsaio no Camiño. "Galinha de Troia" é o seu último traballo.

SÁBADO

II Autocross Carballo. Será a antepenúltima das probas puntuables este ano para o Campionato Galego de Autocross. O club Máis Motor organiza, coa colaboración do Concello, a segunda edición do Autocross Carballo. Ás doce, terán lugar os adestramentos libres. As semifinais están previstas para as 15.30 horas e as finais para as 17.30 horas. Participarán pilotos como os carballeses Marcos Vilariño e Daniel Mariño, e Juanjo Moll, Joaquín Chamorro, ou Juan Ares. Máis info aquí.

Roteiro polo Monte Pindo. Un ano despois do incendio que arrasou o coñecido como Olimpo celta, a Asociación Monte Pindo Parque Natural organiza un roteiro por esta paraxe natural única. O obxectivo, pedirlle á Xunta que facilite os recursos necesarios para protexer e recuperar o Monte Pindo. O roteiro sairá ás 10.00 de Caldebarcos.

Concerto de Tino ProjectTio no pub O Patacón. A partir das 23.00 horas. O pub O Patacón celebra o seu decimoterceiro aniversario cun concerto de TINO projectTIO. A banda terá a Álvaro Vieito á guitarra, a Olivier Cano  (de Os Tres Trebóns) a cargo dos ventos, a Pablo Pérez, o compositor da banda Crebinsky, no contrabaixo e a Xosé Pedrós na batería. A partir das once da noite, e de balde.

Feira en Carballo. É segundo domingo de mes e, polo tanto, feira en Carballo. A Praza do Concello encherase de produtos agrícolas d@s labreg@s dos arredores. Este ano houbo boa colleita de patacas, polo que as poderás atopar a moi bo prezo, recén recollidas das leiras. Tamén, como é habitual, estará aberto o mercado e a práctica totalidade da nosa ampla rede de pequeño comercio.

Camiño dos Faros. Etapa Niñóns-Ponteceso. O Camiño dos Faros chega á segunda etapa da que é xa a súa terceira edición. O punto de partida da andaina será Niñons, e o de chegada, Ponteceso. A quedada terá lugar ás nove na Praza do Recheo, en Ponteceso e, dende alí, trasladarase ás e aos camiñantes, en bus, até o lugar de inicio. O roteiro é de balde. Só é preciso pagar o transporte (3 euros) e levar provisións.

TODA A FINDE

Festas da Barca e da Barquiña. Do 12 ao 15 de setembro, Muxía celebra as súas festas grandes, a Barca. O venres, a verbena contará coas orquestras Troco, Samba e Triunfo. O sábado, actuará Alaska Deluxe e Metrópolis, e o domingo, Xente Nova e Galilea. O luns, serán as orquestras Delirio e Jerusalén as encargadas de despedir as celebracións. As festas da Barquiña, en Ponteceso, traerán o venres, en concerto, a 2Strings, Troitamundos e Not only Shills. O sábado, actuará a orquestra Armonía Show e o domingo, Nueva Generación. As festas prolongaranse dous días máis en Ponteceso, con Nueva Generación, o día 14, e Palladiu e El Combo Dominicano, o luns 15.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica