Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Ás nenas e aos nenos sorpréndelles o feito de...

Compartir:

"Ás nenas e aos nenos sorpréndelles o feito de traballar a terra sen labrala"

Marco Antonio Torres, monitor do obradoiro de horta inérxica no horto infantil ecolóxico

Marco Antonio Torres, ou Oso, como é coñecido, foi monitor do campamento de verán sobre horta sinérxica celebrado no horto ecolóxico infantil de Carballo este verán. Entrevistámolo con motivo da clausura destes obradoiros estivais nesta semana. Demóstranos como, tamén nas plantas, a unión e o respecto fai a forza.

-En Carballo ves de impartir un campamento de verán sobre horta sinérxica no horto infantil ecolóxico municipal. En que consiste a horta sinérxica?


-Neste tipo de agricultura búscanse asociacións benéficas de plantas, de modo que unhas apoien a outras. É fundamental, neste tipo de agricultura, non remover a terra, non pisar a terra que se cultiva.

-E como se introduciu no Estado?

-Da horta sinérxica é referente o xaponés Masanobu Fukuoka, o autor de A revolución dunha cana de palla. El deixaba á natureza facer, incentivando o crecemento de certas plantas e a minimización progresiva doutras. A catalá Emilia Hazelip quixo poñer en práctica o seu modelo pero, nun principio fracasou. Despois de varios intentos frustrados comezou a desenvolver os sistema de bancais elevados.

-O bancal ha de levar sempre cobertura de palla?

-O bancal sempre leva cobertura, dun ou doutro tipo. Nun clima mediterráneo, a palla é estupenda, porque, debido á súa cor clara, refresca o chan, e ademais humedece e crea unha vida microbiana moi rica.

-Podes poñernos exemplos de asociacións benéficas de plantas?

-Téñense que combinar polo menos tres especies. No obradoiro cultivamos os tomates xunto coa albahaca, que repele certos insectos que non son beneficiosos e atrae outros que si o son; o perexil, que potencia o sabor e a textura do tomate e, no borde do bancal, plantas da familia do allo, pois é funxicida e repele os insectos. Ancestral é a asociación precolombina que empregaban as poboacións indíxenas indias: millo, xudía e cabaza. E empréganse tamén moito as leguminosas, porque lle achegan nitróxeno ao terreo, e adoitan ir ben con case todo. Eu utilizao moito, por exemplo, a xudía de mata baixa.

-E como aplicaches todo isto cos nenos e nenas de primaria que acudiron ao obradoiro?

-Quixen deixarlles claro as ideas principais: o non laboreo da terra, o emprego de cubertas e a unión sinérxica de plantas. Nunca se arrincan as raíces e a parte aérea da planta ha de deixarse sobre a terra. Tamén incidín na idea de que ese respecto ao medio ambiente tamén se debe levar ás persoas. Fixemos, ademais, diversas actividades. Elevamos os bancais e plantamos tomates, apios, xudías de mata baixa e repolos.Tamén elaboramos remedios útiles como o purín de ortiga.

-Como responderon?

-Quedei moi satisfeito coa súa resposta. Plantar e, en xeral, facer cousas coas mans, adoita gustarlles moito. Sorpréndelles o feito de non labrar a terra.

"Poderíase vivir deste tipo de agricultura. En Italia, país no que está tendo expansión esta forma de cultivo, hai empresas grandes que traballan así."

-Coidas que se podería chegar a vivir coa práctica deste tipo de agricultura?

-Si, totalmente. En Oza dos Ríos xa está alguén facendo isto e saca diñeiro. En Italia, país no que está tendo expansión esta forma de cultivo, hai empresas grandes que traballan así. Mais parece que, de momento, non ten moita forza en España, aínda que existe un foro na rede sobre agricultura sinérxica.

-A horta sinérxica bebe da permacultura. Mais, que é iso da permacultura?

-O termo permacultura foi utilizado a principios do século XX para describir os sistemas de agricultura que se empregaban dende tempos ancestrais en China, Xapón e Corea que, para o cultivo do arroz, xa botaban man de bancais elevados que ían facendo cos propios restos da colleita. Nos anos 70, dous australianos,  Bill Mollison e David Holmgren, difundiron o concepto de permacultura tal e como agora se entende, como un método alternativo fronte á industria agroalimentaria e aos monocultivos que, analizaban, era unha das causas principais do desastre medioambiental, co emprego de fertilizantes e produtos para facer fronte ás pragas que orixina que están baseados no petróleo. Grazas a internet, a permacultura estendeuse. En América do Sur practícase moto. E, ademais, foi evoluíndo. Hoxe considérase que é unha ciencia multidisciplinar e que implica non só o respecto ao medio ambiente, senón tamén ao ser humano.

Neno cultivando no horto en bancais con cuberta de palla

Neno cultivando no horto en bancais con cuberta de palla

-É a permacultura agricultura ecolóxica?

-Un permacultor non atende ao selo de agricultura ecolóxica. O selo, por exemplo, acepta o sulfato de cobre, cuestionado dende a permacultura, e non garante a proximidade da produción, cousa que a permacultura ten en conta.


-Que aceptación está a ter este tipo de prácticas en Galicia?

-En Ourense hai moita xente que o fai. A nivel internacional, está a rede WWoofing [siglas en inglés da Rede Mundial de Oportunidades en Granxas Ecolóxicas]. Podes inscribirte, pagar o seguro correspondente e, a partir de aí, podes andar polo mundo adiante coñecendo granxas e outras formas de cultivar.

-Coidas que falta unha maior aposta pola agricultura ecolóxica?

-Faise unha falsa aposta pola agricultura ecolóxica, ao igual que se fixo coas enerxías renovables. Hai iniciativas que se quedan nas boas intencións.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica