Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Axenda completísima a desta primeira finde de agosto. En Carballo, concerto de María do Ceo e festival Sereas e Piratas e, a un paso, na Costa da Morte, moita festa...

VENRES

Concerto de María do Ceo. Praza do Concello. 22.30h. De balde. A fadista María do Ceo é unha das grandes do xénero, tanto que mesmo hai quen a considera a sucesora de Amalia Rodrigues. Cun pé en Galicia e outro en Portugal, conxuga o sentir portugués coa dozura do idioma galego. Na noite do venres presenta en Carballo "Corpo de muller e alma de fado" e fará unha selección dos mellores temas da súa historia discográfica. Máis info aquí.

SÁBADO

Festival Sereas e Piratas. Praia de Razo. Día e noite. Será unha intensa xornada con música, deporte e mesmo actividades para cativ@s. O cartel conta cun bo abano de grupos do escenario alternativo, como os vascos Delorean, os madrileños Nudo Zurdo e Trajano, os cataláns Tiki Phantoms ou os galegos Novedades Carminha. Indie,  surf rock, punk, co mellor son de fondo: o océano á beira. Podes atopar máis info nesta ligazón.

Festa da Carballeira. Carballeira de Zas. A partir das seis da tarde. É un dos festivais de música folk e tradicional de Galicia con máis traxectoria. No anfiteatro natural que a carballeira é, poderemos escoitar ao gaiteiro Budiño e á banda da prestixiosa violinista Begoña Riobó. Como cabeza de cartel, os sons irlandeses do americano John Whelan. Ademais, dende Costa Rica chegarán Peregrino Gris e dende Irlanda Calum Heikki. Entrada a 7 euros con CD do festival como agasallo. Máis info.

TODA A FINDE

Mostra de Olería de Buño. De 11.00h. a 14.00 h e de 17.00h. a 21.00h. Dende o 1 de agosto até o día 10, poderás visitar a tradicional Mostra de Olería, que chega este ano á súa XXXI edición, con exhibicións, exposicións de artesáns e artesás alfareiras e obradoiros. O sábado, ás 11, terá lugar a carga do forno,  ás 15.00h., o acendido do mesmo, e ás 21.00 h. a festa da Carroa.  O domingo, ás 11.00, será a descarga do forno. Máis info aquí.

Festa do longueirón. Fisterra. O 2 e 3 de agosto, en Fisterra, terá lugar a cita gastronómica protagonista da fin de semana na Costa da Morte, a Festa do Longueirón. Haberá degustación do molusco nas máis variadas formas e receitas tanto o sábado como o domingo a partir da unha da tarde, e non faltará a música ao longo da xornada. Ademais, a festa gastronómica virá acompañada do I Encontro Pirata. Máis info aquí.

Festa da praia do Ézaro: De venres a domingo haberá celebración rachada no Ézaro, con orquestras varias, actuación dos barbanceses Recambios Tucho, campionatos de volei praia e fútbol praia, xogos populares, atraccións infantís, sardiñada… Se queres máis info da que xa é a XXIX edición deste festexo, consulta nesta ligazón.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica