Carballo a un paso

Compartir:

"Rexurdimento" do ciprés que agocha parte da historia de Carballo

Os creadores Isa Fernández e O’Mighelo aproveitaron a madeira senlleira da árbore para perpetuar a súa vida e render unha homenaxe á emigración

Isa Fernández e O Mighelo posando na escultura no Rego da Balsa

Isa Fernández e O Mighelo posando na escultura no Rego da Balsa

No anaquiño que estamos no Parque Rego da Balsa para tirar as fotos que ilustran este artigo, veciños e veciñas de todas as idades –nomeadamente nenos e nenas- non deixan de achegarse á escultura “Rexurdimento”, situada hai aproximadamente un mes no Parque Rego da Balsa. Segundo intúen que están diante dos creadores da obra, pronto comezan as preguntas: “Canto tempo vos levou facelo?”, “Para que é a corda que rodea as figuras?”, “Que tipo de árbore empregástedes para facer a escultura?”… E pronto comezan tamén os parabéns pola súa iniciativa. Os creadores Isa Fernández e Miguel Anxo Calvo, coñecido artisticamente como O’Mighelo, foron quen artellaron esta homenaxe á emigración e están moi satisfeitos e agradecidos pola boa acollida dos veciños e veciñas ao seu traballo, un labor que contribúe a que o ciprés centenario que lle dou a vida á escultura manteña a súa raigame na historia de Carballo por moitos anos máis. Noutro xardín, noutros tempos e con novos azos…

En tan só un mes a escultura xa pasou a formar parte da imaxe urbana de Carballo e do Parque de Rego da Balsa

Pero esta historia comezou o 30 de decembro de 2015, cando unha racha de vento deu en tirar un ciprés centenario situado no corazón do Xardín Municipal. A árbore estaba moi deteriorada por dentro e os fortes temporais daquel inverno terminaron de tombalo. Marchou pacificamente -a pesar do seu enorme peso e tamaño- sen deixar máis rastro que un par de baldosas quebradas e moita expectación entre a veciñanza. Un deses veciños, O’Mighelo, achegouse ese mesmo día ao Concello para propoñer que esa árbore tivera unha nova vida en forma de expresión artística. Logo de conseguir o permiso, falouno cos seus compañeiros e compañeiras creadores, e finalmente Isa Fernández sumouse ao proxecto, que tardou un tempo en materializarse.

Mover a base de grúa

Vista xeral da escultura

Vista xeral da escultura

“Foi moi difícil traballar polo deteriorada que estaba a madeira”, explica Isa, e foi a propia árbore a que foi marcando cantas pezas podían facer, segundo ían escachando as ramas. Ao primeiro pensaron en realizar por separado unha peza cada un, pero á fin a colaboración resultou ser moito máis enriquecedora.  Tiveron que tratar a madeira antes, durante e ao remate do proceso pero “tentamos respectala o máximo posible”, subliña O'Mighelo. Durante o traballo, no taller de canteiría do Fórum Carballo, chegaron a atopar cravos centenarios no interior da madeira, e tamén anacos que partían a cada pouco. Por iso, aínda que o proceso escultórico en si coa moto serra levoulles un mes, o labor completo foi de varios meses. E, ao ser madeira maciza, movendo as pezas coa axuda dunha grúa, aínda que no caso das máis pequenas “algunha vez mesmo a pulso”, sinala Isa lembrando o esforzo. Ademais, explica que aprenderon día a día a traballar a madeira, que non é un elemento que manipularan con anterioridade, pero ao que lle foron pillando o aquel. “Estou acostumada ao barro, que moitas veces parte e ao final perdes o traballo. Pero coa madeira vai quedando o que fas e pouco a pouco foime gustando cada vez máis”, asegura. Remata dicindo “paseino pipa!”.

Os autores explican que “o ciprés ten visto moitas cousas, moita xente pasando, moitas feiras, moitas despedidas”, e de aí a homenaxe

Por que a emigración? Pois porque “o ciprés ten visto moitas cousas, moita xente pasando, moitas feiras, moitas despedidas”, subliña O’Mighelo, que engade que “é algo que forma parte moi importante da historia de Carballo e de Bergantiños”. E que mellor maneira de reflectila que cunha maleta que marcha, o sofá do fogar e unha familia dividida, pero que sempre estará unida a pesar de que o estea a través dos sufrimentos dun arame de espiño… Casualmente o ciprés tamén forma parte da historia de O’Mighelo, que asegura que baixo esta árbore “fíxenme un home”. E foi en 1977 durante a manifestación contra a explotación de Baldaio, cando el aínda era un rapaz. “Cando vin correr a toda esa xente diante das armas decidín que se algún día tiña que correr, sería tamén diante”. Asegura que ese día tomou conciencia del mesmo e do seu lugar no mundo, e da “inxustiza” que estaba sucedendo. E o ciprés agocha miles de historias coma esta.

Mentres retiraban e tiraban da madeira para darlle forma, eles xa tiñan claro onde querían situar a súa escultura. Querían que fora nun xardín e con árbores cerca, en contacto coa natureza, e pensaron no Rego da Balsa. As pezas foron deseñadas para estar situadas onde están e nótase que encaixan perfectamente na paisaxe. Agora, grazas ao traballo completamente altruísta de Isa Fernández e do Mighelo, o ciprés comeza unha nova historia. De feito, os creadores de “Rexurdimento” explican que a madeira segue viva, e que será interesante ver como evoluciona co paso do tempo. Ao mellor conseguen que o ciprés acabe sendo eterno…


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica