Carballo a un paso

Compartir:

A noria das festas de San Xoán xirará este ano durante todo o mes de xuño

A orquestra París de Noia abre o día 8 o programa de actuacións musicais, no que tamén están o Rockin’, Café Quijano e o mellor tributo a U2 do mundo

A noria volverá a ser un dos elementos claves do San Xoán, porque este ano non só estará no San Martiño para encher de máis animación aínda a zona das barracas, senón que tamén forma parte do cartel anunciador das festas de Carballo. O seu autor, o ferrolán Juan Luis Fernández Juanlu, gañador por segunda vez do concurso organizado pola comisión de festas. Este ano a noria simbólica do San Xoán xirará durante un mes completo para espallar a festa por toda Galicia e contribuír a que brille tanto coma o propio cartel.

Se xa no 2015 Juanlu sorprendera cunha cachela chea de cor, nesta ocasión consegue darlle outra ollada aos elementos tradicionais das nosas festas introducindo un referente moito máis recente como é a noria. Un ano máis, o concurso, ao que se presentaron un total de 65 propostas, estivo patrocinado por Opticalia Enríquez. O premio está dotado con 450 euros.

Orquestras e grupos referente

O programa inclúe actividades dende primeiros do mes de xuño, aínda que as actuacións con máis capacidade de convocatoria comezarán o día 8 coa primeira verbena, na que contaremos coa orquestra París de Noia. E non será o único dos grandes conxuntos musicais de moda que pasarán pola Praza do Concello, porque tamén recibiremos a Trébol, Compostela, Nebraska, Olympus, e Anaconda. A programación musica inclúe tamén bandas de gaitas carballesas, bandas, charangas, pinchadiscos e dúas actuacións de tanto calibre como as dos consagrados Café Quijano (24 de xuño) ou a do mellor tributo a U2 do mundo, os italianos Zen Garden (16 de xuño).

O científico de Baio que cursou estudos en Carballo, Jorge Mira, será o encargado de ler o pregón o xoves 21

Non hai que esquecer o Rockin’ Carballo, un festival de música alternativa que segue apostando por grupos nacionais e internacionais que destacan pola potencia e a calidade dos seus directos, e que ademais renova a fórmula iniciada o ano pasado coa ampliación do festival a toda unha xornada (30 de xuño), con sesión vermú, sesión vespertina e sesión nocturna. Este ano a puntualidade será máxima e a intención é rematar sobre a 01.30 horas para que todo o mundo poida gozar ao día seguinte da Festa do Bosque.

Concursos e a Festa do Bosque

Precisamente este ano hai que subliñar a programación da Festa do Bosque, ademais dos concursos que se celebrarán ao longo de todo o San Xoán, e que este ano contan con novos patrocinadores. Até o 20 de xuño está aberto o prazo para participar no Concurso de Cachelas (23 de xuño) e no Descenso do Anllóns (25 de xuño), e na Festa do Bosque (1 de xullo) volveremos a contar co Concurso de Dóces e a Baixada de Barcos de Papel.

Como cada ano, un dos segredos mellor gardados é a identidade do pregoeiro, que desta volta será o físico Jorge Mira, que cursou estudos en Carballo. Ao científico baiés corresponderalle a apertura da semana grande o xoves 21 de xuño. Vémonos no San Xoán!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica