Carballo a un paso

Compartir:

Imaxes dos mellores fotógrafos de España, en Carballo no XX Certame Xosé Manuel Eirís

Ademais das catro obras premiadas, unha mostra recolle unha escolma das 236 presentadas; pode visitarse no Pazo da Cultura de 17.00 a 21.00 horas

Premio Especial Carballo

Premio Especial Carballo

Como cada ano, os mellores fotógrados de España danse cita no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que este ano chega á súa XX edición. Un total de 103 participantes con 236 obras presentadas dan boa mostra do estado de saúde deste concurso que, con motivo do 20 aniversario contará cunha exposición conmemorativa ao longo deste ano. Ao igual que en ocasións anteriores, o xurado tívoo complicado para escoller as fotografías gañadoras, que levaron máis de 3.000 euros en premios. Ao final, un fotógrafo de Ciudad Real e tres galegos ilustrarán a historia da 20ª edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís.

Así, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio, dotado con 1.500 euros e diploma, á fotografía titulada Introspección 3, de Ángel Atanasio Rincón. Aínda que é enfermeiro de profesión, o gañador do certame, veciño da localidade de Alcázar de San Juan (Ciudad Real), iniciouse no mundo da fotografía xa na adolescencia e ten participado en centos de exposicións e gañado numerosos concursos. A imaxe coa que acada o premio pertence a un proxecto que define coma “íntimo” e “persoal”.

Máis de 3.000 euros en premios

O segundo premio, dotado con 750 euros e diploma, e patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz, será para o galego Martiño Martínez Porto polo seu traballo Azul. Tamén son galegos os outros dous galardoados: Juan Rodríguez Pazos, por Acuarela de Razo, que recibirá o Premio Especial Carballo (500 euros e diploma) por unha fermosa imaxe do areal difuminada coma se fose unha acuarela; e Antonio Gutiérrez Pereira, premiado cun accésit de 300 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo, pola fotografía Dobrar o tempo.

Os gañadores proveñen de Ciudad Real e de distintos puntos de Galicia e foron escollidos entre 103 participantes

O xurado estivo composto por Marcos Trigo Facal (Concelleiro de Cultura, como presidente), Ángel Cordero Gómez (fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Xulio Correa Corredoira (fotógrafo profesional e profesor da Escola de Imaxe e Son de Vigo), Xoán Piñón (fotógrafo profesional), María Carmen Montero García (documentalista e conservadora da Fundación Luís Seoane e comisaria de exposicións), Rosalía Fernández Rial (en representación da Asociación Cultural Lumieira, presidenta da asociación) e Mª del Carmen Castro Pombo (xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado).

Para ver a mostra do certame, só hai que achegarse ao Pazo da Cultura de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas e mergullarse na maxia das imaxes. Até o xoves 31 de maio na sala de exposicións do terceiro andar.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica